domingo, 23 de xuño de 2019

Rematamos o curso cunhas dramatizacións

 Coa participación no II Concurso de Teatro Clásico San Narciso cunha traxedia e unha comedia , rematamos o presente curso. Escollemos como traxedia unha adaptación do mito: O rapto de Proserpina e para comedia. a partir dun traballo da aula, As mulleres e Eneas.  Ambas foron ben valoradas polo público quedando en segundo lugar  nas votacións á mellor traxedia e comedia de entre as obras representadas.



TRAXEDIA:

O RAPTO DE PROSERPINA
PROSERPINA: Antía Coto
CERES: Laura Entenza
HADES: Rubén Carnero
HELIOS: Iván Fernández
XUNO: Nerea de la Torre
MERCURIO: Daniel Tilve

Luz e son: Alexia Pereira
Adaptación e Dirección: Héctor Silveiro










Reportaxe fotográfica do noso profesor Alberto Rouco ao que lle agradecemos o seu bo facer.































COMEDIA:

AS MULLERES E ENEAS

CREÚSA: Antía Coto
VENUS: Antía Carballo
ENEAS: Rubén Carnero
DIDO: Laura Entenza
LAVINIA: Nerea de la Torre

Luz e Son: Alexia Pereira
Adaptación e Dirección: Héctor Silveiro














Foi un traballo no que colaboraron compañeiros de 4ºESO B que non cursaron Latín sobre o que descansou, por exemplo, o papel de Eneas (Rubén Carnero, gañador do premio ao mellor actor), un dos papeis imprescindibles e aos que agradecemos a súa colaboración.  A actriz que acadou maior puntuación foi Antía Carballo e logo Laura Entenza e Antía Coto.

xoves, 23 de maio de 2019

De Maius, Iunius, Iulius et Augustus.

Os meses que fan medrar a calor cuxo tempo primeiro comeza coa Primavera (iso quere dicir a palabra: prima "ver") e se estende cara ao estío ou verán (debes fixarte na raíz "ver").

De onde vén o nome do mes de Maio? Está claro que deriva do latín Maius. Investiga a partir de aí.

Logo imos ver como Iunius é o mes da deusa Iuno e dos meses de Iulius e Augustus están unidos ao reformador do calendario occidental, Xulio César, e ao seu sucesor e o primeiro emperador de Roma, Augusto. Eles foron os que remataron de feito coa República Romana que nacera segundo contan as lendas da fundación tras a revolta que os romanos realizaron contra os Etruscos e os seus monarcas tras do suicidio de Lucrecia. A roma dos primeiros tempos da República e aquela outra na que viviron Xulio César e Augusto érache ben distinta. As guerras, a columna vertebral do sistema que era o exército, a ambición persoal polo poder e o aumento do territorio conquistado por Roma á par do incremento do número de escravos, que eran o motor da economía, fixeron daquela cidade un dos Imperio máis poderosos da Antigüidade. Os que vencen son lembrados os vencidos son sometidos. Os romanos vencedores  "agradecidos" aos seus líderes cambiaron os nomes dos meses Quintilis e Sextilis polos de Iulius e Augustus, aos súbditos do imperio non lles quedou outra que asumir aquel calendario e aqueles nomes impostos "ex novo".     

3ª Avaliación

As declinacións:
Repaso dos substantivos da 1ª, 2ª e 3ª.
Adxectivos en latín.
4ª e 5ª declinacións.

As conxugacións:
Repaso dos tempos máis usados no curso.

Sintaxe básica:
Repaso da estrutura da oración en Latín.
Uso de preposicións e conxuncións I.

Tradución de textos.
Para traducir hai que ter en conta:
- Orde dos elementos da oración.
- Concordancias do verbo e do suxeito.
- Analizar as funcións sintácticas da oración.
- Consultar o léxico.
- Repasar o resultado

Cultura:
- Os meses do ano e o latín.
- Mitos de Primavera
- A casa de Iulia en Marín.

Dramatizacións para o II Concurso de Teatro Clásico

mércores, 1 de maio de 2019

xoves, 25 de abril de 2019

APRILIS MENSIS




De onde procede o nome do mes de abril?

É algo escura a etimoloxía desta palabra. Hai quen di seguindo algunha indicación do poeta latino Ovidio que ten que ver co verbo aperire (abrir), pero non está moi ben xustificada esta relación.

Outra versión mellor argumentada etimoloxicamente é que proceda de "aphros" a raíz que daría aprilia e que é a denominación dunha divindade feminina Afrodita/ Venus.

A apertura do ano vexetal e natural coa Primavera está relacionada con Venus, poden ser dúas cousas realmente próximas como Boticelli no Renacemento deixou claro:



Para indagar na vida de Venus

Sobre o mito das estacións O rapto de Proserpina

mércores, 27 de marzo de 2019

NA PROCURA DA CASA DE IULIA


Mañá emprenderemos unha nova saída didáctica, desta volta na procura da casa de Iulia. Lembremos que Iulia era romana, pero era tamén galaica porque naceu no século I a.C. na Gallaecia. Nós pensamos que naceu en Marín nalgún momento do ano 60 a.C. filla dunha importante matrona romana que por circunstancias que aínda descoñecemos participa da expedición que o famoso militar romano Iulius Caesar realizou naquel tempo polas costas galegas. É por iso que imos coñecer ben esa expedición para tentar dar coa casa na que naceu Iulia en Marín.



xoves, 14 de marzo de 2019

2ª AVALIACiÓN

FACTA ET VITA

- MENSIS :  Mensis DecemIanuarius, Februarius, Martius
- AENEAS e a Fundación de Roma (traballos)
- LUCUS AUGUSTI


GRAMÁTICA:
- Repaso 1ª declinación e da 2ª declinación.
- Repaso do Verbo: Conxugacións regulares e verbo SUM (raíces).
- Identificar e conxugar: Presentes, imperfectos, futuros e perfectos (características e desinencias)
- Adxectivos da 1ª e 2 ª tipo bonus,-a,-um/ niger,-gra,-grum.
- Terceira declinación.
- Preposicións en latín.

SINTAXE. Para traducir hai que ter en conta:
- Orde dos elementos da oración.
- Concordancias do verbo e do suxeito.
- Analizar as funcións sintácticas da oración.
- Consultar o léxico.
- Repasar o resultado.

MARTIUS, O PRIMEIRO MES DO ANO

Hoxe 15 de marzo é unha das datas máis sinaladas do calendario da historia de Roma: Son os Idus de marzo. 

EN MARZO COMEZABA O ANO ATA OS TEMPOS DE XULIO CÉSAR.
 Debemos saber primeiro algo sobre o mes de marzo. Era o mes dedicado ao deus Marte e era o deus no que comezaba o ano romano coincidindo co comezo da primavera ( prima ver: "primeira estación da calor") os romanos facían as levan de soldados para preparar retomar as guerras, dado que tradicionalmente estas quedaban paralizadas no tempo de inverno (hiems, -mis (f)).

No ano 46 a.C. Xulio César decretou unha reforma no calendario romano tradicional para introducir uns cambios necesarios. Este novo calendario xuliano (de Iulius Caesar) é o que seguimos utilizando na actualidade. Entre as reformas que introduce Xulio está a de comezar o ano en xaneiro (as levas de soldados xa se facían en calquera mes do ano) e rematar en decembro. 


O CALENDARIO Á ROMANA
1.Calendarios solares e calendarios lunares:
Os problemas dos calendarios nacen de que nin no ano solar(365 d., 5h., 48´ , 46¨) nin o ano lunar (354 d., 8h., 48´) son divisibles sen residuo entre 12 meses ou lunacións, nin tampouco equivalentes entre eles, de xeito que faciliten unha medida única para os dous fenómenos astronómicos que tanto inflúen na actividade humana: Sol e lúa.
Os exipcios seguían un calendario solar. Os musulmáns o lunar. Os gregos usaban un calendario lunisolar(ano lunar de 345 días,pero adaptado ó sol, engadindo periodicamente un mes 13º para agardaren polo sol). Na Grecia Clásica ese mes engadíase cada 4 anos e deu orixe ás Olimpíadas.

2.O ano romano:
Os romanos tiñan un ano inicialmente lunar que empezaba en marzo, como demostran os nomes dos meses derradeiros:DECEMBER(mes 10º), NOVEMBER(9º), OCTOBER(8º), SEPTEMBER(7º), SEXTILIS(6º), QUINTILIS(5º). Os demais meses estaban dedicados a IANUS(Iahuarius"xaneiro"), FEBRUA e Febres(frebarius"febreiro"),a MARS(Martius"marzo"), a APRILIA, unha dubidosa etrusquización de Afrodita ou ás festas parilias(Aprilis"abril"), á parella MAIUS-Maia (Maius "maio") e a IUNO (Iunius "xuño").
Marzo,maio,quintilis e outubro levaban 31 días,febreiro 28 e o resto 29. Para concordaren este ano lunar co curso do sol, o Pontifex Maximus cada dous anos engadía o mensis intecalaris de 20 días.

3.A partir de cando se contan os anos:
Como sabes, hai moitas eras a partir das que conta-los anos,segundo as diversas culturas ou acontecementos. Hoxe contamos pola era cristiá. No mundo clásico usáronse sobre todo a das Olimpíadas e a romana.

Era das Olimpíadas:sistema usado polos gregos, de períodos de catro anos empezando pola primeira Olimpíada(776 a.C.) en que saíu vencedor Corebo de Elea.

Era romana.Tiveron varios sistemas:
*AB VRBE CONDITA(A.V.C.): "dende a fundación da cidade" (753/754 ou mesmo 750 a.C.).
*POST REGES EXACTOS:dende a expulsión dos reis (509 a.C.;era menos usada).
*CICERONE ET ANTONIO CONSULIBUS"sendo cónsules Cicerón e Antonio" (63 a.C.);polo nome dos dous cónsules que ese ano gobernaban:a máis usada. A lista dos anos ordenados así eran os fasti consulares.
*ANNO QUINTODECIMO IMPERII TIBERII CAESARIS "no ano 15º. de goberno de Tiberio César"(29 d. C.); polos anos que o emperador levaba no poder. O exemplo é do evanxeo de Lucas (3,1).

4. Como se contan os días do mes?
Xa vimos que os 12 meses son unha reminisciencia das 12 lunacións que aproximadamente ten o ano. Hoxe contamos os días polo número de orde a partir do 1º. Mais non sempre foi así.
Os romanos tiñan no mes datas fixas(Kalendae, Nonae e Idus) e contaban os días que faltaban para chegar ó próximo deses feitos temporais, coa particularidade de contaren ó xeito romano (incluíndo día de partida e día de chegada).

KALENDAE: Día 1. Antigamente o rex sacrorum convocaba (kalare) a unha xuntaza na que anunciaría cando ían ser nese mes as Nonae e os Idus e outras festas.(Cfr.Non pérda-lo teu latín desta mesma Unidade).
NONAE: Oito días antes dos Idus (noveno, polo sistema romano). Eran o 5,non sendo en marzo,maio,xullo e outubro (mar-mai-iul-oct) que caían o 7. Adornaban o lar con flores.
IDUS: Iduare é un verbo arcaico que significa "partir en dous", é dicir, dividían o mes. Eran o 13 de cada mes, a non ser nos meses de marzo, maio, xullo e outubro que eran o 15. Parece ser que os días do idus eran os de lúa chea, mentres os das Kalendas os de lúa nova.

5.Saberías poñer a data do teu nacemento á romana?
Aplica estas cinco normas:
-Se naciches o primeiro día porás "Kalendis" e o mes que sexa, por exemlo "Februarii".
- Porás "Idibus" se naciches o día 13 de todos os meses agás do de marzo, maio, xullo ou outubro que porás "Idibus" se naciches no día 15 do mes.
- Se naciches nas Nonas porás "Nonis" (xa sabes o día 5 a non ser en marzo, maio, xullo ou outubro que coincide no día 7).
-Pero se naciches calquera outro día tes que contar cantos días faltan ben para as nonas, ben para os idus, ben para as kalendas do seguinte mes, sempre como o facían os romanos o día de partida (o do teu aniversario) e o día de chegada a data fixa que corresponda(nonas, idus ou kalendas). Por diante debes colocar estas palabras " ante diem ". O día 17 de febreiro sería no cómputo á romana "ante diem XIII kalendas martias" , é dicir que faltan 13 días segundo contan os romanos para o día primeiro de marzo.

- Só queda un detalle importante se naciches o día antes de calquera desta datas sinaladas das kalendas, nonas e idus debes poñer tan só "Pridie kalendas, nonas ou idus" do mes que corresponda. Por exemplo o que naceu o 31 de decembro á romana sería " Pridie kalendas ianuarias".


 Que iso dos Idus de marzo?

mércores, 13 de marzo de 2019

LUCUS AUGUSTI

Alí fomos, alí estivemos e alí atopamos cousas coma esta:                                                                     





















Unha ficha técnica do propio Museo de Lugo onde a vimos.Trátase dunha fermosa estela funeraria atopada en Crecente, San Pedro de Mera (Lugo) moi interesante, por que?






Completemos a nosa información lembrando que eran aras, estelas e miliarios




APANA·AMBO
LLI·F·CELTICA
SVPERTAM·
….OBRI

mércores, 13 de febreiro de 2019

DAS LUPERCALIAS E DO MES DE FEBREIRO



 FEBRUARIUS: A súa etimoloxía está relacionada coas cerimonias de purificacións que se facían durante este mes. Era logo o mes dedicado a Februa, nai de Marte e deusa das purificacións, ou a Februus, un deus etrusco que era semellante a Plutón deus do mundo subterráneo ou dos mortos. Februarius era o mes de defuntos en Roma. 


Pero  Febreiro tamén era o mes das LUPERCALES



Até finais do século V celebrábase en Roma a festa das Lupercais, unha festa de purificación que tiña lugar o 15 de febreiro, ao remate do ano romano, que comezaba o 1 de marzo. Na celebración, 12 luperques, sacerdotes de Faunus, sacrificaban un chivo ao seu deus na gruta do Lupercal (ao pé do Palatino) onde, segundo a lenda, a loba aleitara aos irmáns Rómulo e Remo. No ano 494, o Papa Xelasio I (492-496), prohibiu e condenou esta festa pagá. Elixiu San Valentín como santo patrón dos noivos e namorados, e publicou que se lle consagraría esta data. Estas Festas Lupercais tamén teñen moito que ver co noso Entroido.

Febreiro é tamén un apelido de Galicia.

AS ORIXES DE SAN VALENTÍN:
Imos tentar responder porque San Valentín ten raíces clásicas:

Alá polo século III d.c. No Imperio Romano gobernaba o  Emperador Claudio II, ao que non se lle ocorreu outra cousa que  prohibir aos mozos casar xa que consideraba que os solteiros eran mellores soldados ao non ter familia ao seu cargo.
Mais  había un sacerdote chamado Valentín que ante tal inxustiza decide levarlle a contraria ao Emperador casando en secreto a parellas de namorados. Este é o motivo de que se considere a San Valentín o patrón dos namorados e a razón de que se celebre o día 14 de febreiro é porque foi o día no  que San Valentín foi executado por desafiar ao Emperador Claudio II. 

Disque o sacerdote foi detido e prendido, e durante o seu cautiverio, Valentín vinculouse de amizade con Xulia, a rapaza do seu carcereiro, unha moza cega. E produciuse un milagre: a rapaza recuperou a vista. Este milagre realizouse exactamente despois de ofrecerlle unhas follas con a forma de corazón e coa seguinte mensaxe: «Do teu Valentín». Morre mártir, decapitado en Roma no ano 268, e enterrouse na Vía Flaminiana,onde logo o papa Xulio I mandou que se construíse máis tarde unha basílica.

Pero claro está temos outras versións...

A tradición presenta outro Valentín que se consagrou como bispo de Terni (Interamnæ) en Umbría, a partir do ano 203. Moi coñecido polos seus milagres e virtudes, foi a Roma invitado por un filósofo chamado Cratón (que era pagán), cuxo fillo sufría dunha enfermidade incurable. O bispo acudiu á súa invitación, prometeulle a curación do fillo coa condición de que se convertese ao cristianismo con toda a súa familia. Aceptada a condición, o bispo púxose a rezar e repentinamente, o rapaz quedou completamente curado. É debido a isto, foi encarcerado en primeiro lugar, logo, negándose a sacrificar os ídolos, despois de encadeado e mallado a paus, foi finalmente decapitado, no ano 273, resultas das persecucións do emperador Aureliano e non de Claudio II, como algúns historiadores cren. O seu corpo foi recollido polos seus discípulos e enterrado a Terni, na vía Flaminia.
Estas son pois a identidade dos dous nomes, a coincidencia dos lugares de sepultura e a semellanza dos martirios na mesma época, conduciron a confundir os dous Valentín nun e único Santo.