martes, 25 de outubro de 2016

FACTA ET VITA

FACTA ET VITA  é unha nova sección do blog dedicada tanto á Historia de Roma, esa que se sinala con grandes fitos e con frecuencia vidas de grandes homes e mulleres que se conservan parcial ou integras,  como a intrahistoria ou a vida cotidiana dos romanos e romanas dos que descoñecemos seu nome, eses que tantas veces foron esquecidos e marxinados nos libros de historia. Hoxe imos asistir a un parto como se dun neno ou unha nena que acabase de nacer se tratase.


O NACEMENTO NA ANTIGA ROMA

 En Roma, como tamén na antiga Grecia, o recén nacido debía ser recoñecido polo pai, que lle impoñía o nome. Os nenos ou nenas que non eran recoñecidos (por ser ilexítimos, por exceso de fillos, por falta de recursos para crialos, por enfermidade, por ser nena...) eran abandonados: algúns deles eran recollidos por outras parellas ou simplesmente acollidos como escravos.

Nunha carta enviada a súa esposa dende Exipto  Tiberio,un cidadán romano, padre preocupado polo parto inminente, dáballe as seguintes indicacións:

"Prégoche que coides do neno e se recibo axiña a miña paga, enviareicha de contado. Se tes o neno antes da miña volta e é varón, déixao vivir; se é unha nena, expona" (Papiro de Oxirrinco 744)

 Se o pai non aceptaba ao recén nado e procedía ao abandono do fillo ou filla que se denominaba expositio. Pero cando o pai romano recoñecía ao seu fillo ou filla facíao oficial ao oitavo ou noveno día do nacemento no transcurso dunha cerimonia familiar coñecida como lustratio. Consistía este rito en erguer ao neno do chan, purificalo e colocarlle ao redor do pescozo un amuleto (bulla se era un neno, ou lunula se era unha nena) que o debía protexer dos maleficios durante a infancia. Remataba a cerimonia coa imposición do nome. Como todas as sociedades antigas, a romana era machista e xa dende o berce imos notar claras diferenzas entre homes e mulleres, tamén entre cidadáns e escravos.


OS NOMES DOS NENOS

Aos nenos dábaselles un praenomen, ou nome de pía, pero cando eran adultos usaban o tria nomina. Vexamos un exemplo: Apius Claudius Caecus, Caius Iulius Caesar
praenomen:  Apius, Caius (nomes de pía)
nomen:  Claudius, Iulius (nome da súa linaxe, o que para nós sería o 1º apelido)
cognomen: Caecus (cego), Caesar (elefante) unha especie de alcume.

Ás veces existían un agnomen, nome a maiores do tria nomina como de distinción, por exemplo dunha vitoria. Publius Cornelius Scipio Africanus (por ser un dos xefes militares máis significados  contra os cartaxineses).

O tria nomina só servía para quen era liber (libre) ou ingenuus (fillo de libre); os escravos e libertos e estranxeiros tiñan outros nomes que máis adiante detallaremos, pero podían responder ao lugar de procedencia dos mesmos ou de seren adoptados tomaban os nomes dos adoptantes engadíndolle o sufixo -anus.

Como sucede tamén noutras moitas culturas o nome do pai era herdado polo fillo e existen verdadeiros casos de confusión dos personaxes aos que se refiren os documentos porque a semellanza dos nomes é un problema para identificar á persoa. Por iso é frecuente a creación de sufixos de onde logo naceron os nosos apelidos (Fernández, fillo de Fernando, Robinson, fillo de Robin).

Para saber máis sobre o tria nomina.


OS NOMES DAS NENAS

Ás nenas, pola contra, só se lles poñía o nomen de tal modo que todas as nenas da familia Claudia se chamaban Claudia, pero cando había máis dunha habitualmente engadíaselle un cognomen coa orde do nacemento Claudia Secunda, Annia Tertia, Sulpicia Minor, Servililla... e co tempo estas mulleres son denominadas polo número (Tertia ou Quintia). 

Unha listaxe de nomes latinos

 QUAESTIONES:
1- Por que cres que se lle colocaban amuletos aos áis: puer et puella recén nacidos?
Cres que había unha mortalidade infantil elevada? Traduce a seguinte lápida cristiá antes de responder.

2- Como se chaman os obxectos que aparecen nas fotos adxuntas?

3- Que che parece que as mulleres non tivesen nome propio?

Para saber máis: puer et puella

Ningún comentario:

Publicar un comentario