FEBRUARIUS: A súa etimoloxía está relacionada coas cerimonias de purificacións que se facían durante este mes. Era logo o mes dedicado a Februa, nai de Marte e deusa das purificacións, ou a Februus, un deus etrusco que era semellante a Plutón deus do mundo subterráneo ou dos mortos. Februarius era o mes de defuntos en Roma.
Pero Febreiro tamén era o mes das LUPERCALES
Até finais do século V celebrábase en Roma a festa das
Lupercais, unha festa de purificación que tiña lugar o 15 de febreiro, ao
remate do ano romano, que comezaba o 1 de marzo. Na celebración, 12 luperques,
sacerdotes de Faunus, sacrificaban un chivo ao seu deus na gruta do Lupercal
(ao pé do Palatino) onde, segundo a lenda, a loba aleitara aos irmáns Rómulo e
Remo. No ano 494, o Papa Xelasio I (492-496), prohibiu e condenou esta festa
pagá. Elixiu San Valentín como santo patrón dos noivos e namorados, e publicou
que se lle consagraría esta data. Estas Festas Lupercais tamén teñen moito que ver co noso Entroido.
Febreiro é tamén un apelido de Galicia.
AS ORIXES DE SAN VALENTÍN:
Imos tentar responder porque San Valentín ten raíces clásicas:
Alá polo século III d.c. No Imperio Romano gobernaba o Emperador Claudio II, ao que non se lle ocorreu
outra cousa que prohibir aos mozos casar
xa que consideraba que os solteiros eran mellores soldados ao non ter familia ao
seu cargo.
Mais había un
sacerdote chamado Valentín que ante tal inxustiza decide levarlle a contraria
ao Emperador casando en secreto a parellas de namorados. Este é o motivo de que
se considere a San Valentín o patrón dos namorados e a razón de que se celebre
o día 14 de febreiro é porque foi o día no
que San Valentín foi executado por desafiar ao Emperador Claudio II.
Disque o sacerdote foi detido e prendido, e durante o seu cautiverio, Valentín vinculouse de amizade con Xulia, a rapaza do seu carcereiro, unha moza cega. E produciuse un milagre: a rapaza recuperou a vista. Este milagre realizouse exactamente despois de ofrecerlle unhas follas con a forma de corazón e coa seguinte mensaxe: «Do teu Valentín». Morre mártir, decapitado en Roma no ano 268, e enterrouse na Vía Flaminiana,onde logo o papa Xulio I mandou que se construíse máis tarde unha basílica.
Pero claro está temos outras versións...
A tradición presenta outro Valentín que se consagrou como
bispo de Terni (Interamnæ) en Umbría, a partir do ano 203. Moi coñecido polos
seus milagres e virtudes, foi a Roma invitado por un filósofo chamado Cratón
(que era pagán), cuxo fillo sufría dunha enfermidade incurable. O bispo acudiu
á súa invitación, prometeulle a curación do fillo coa condición de que se
convertese ao cristianismo con toda a súa familia. Aceptada a condición, o
bispo púxose a rezar e repentinamente, o rapaz quedou completamente curado. É
debido a isto, foi encarcerado en primeiro lugar, logo, negándose a sacrificar
os ídolos, despois de encadeado e mallado a paus, foi finalmente decapitado, no
ano 273, resultas das persecucións do emperador Aureliano e non de Claudio II,
como algúns historiadores cren. O seu corpo foi recollido polos seus discípulos
e enterrado a Terni, na vía Flaminia.
Estas son pois a identidade dos dous nomes, a coincidencia
dos lugares de sepultura e a semellanza dos martirios na mesma época,
conduciron a confundir os dous Valentín nun e único Santo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario