mércores, 18 de xaneiro de 2023

A MONARQUÍA ROMANA

 10 minutos de datos para ir atando cabos sobre a monarquía romana: 



 Dándolle voltas ao mito da fundación de Roma:



Actividade:
Identifica que  está pasando neste anaco dunha película sobre o tema anterior. Identifica personaxes 


mércores, 11 de xaneiro de 2023

DA MONARQUÍA Á REPÚBLICA ROMANA

 


Imos repasar e á vez afondar os contidos que xa traballamos en 3º da ESO en Cultura Clásica e que agora teremos que asentar e ampliar para comezar o noso camiño pola historia de Roma. 

Habitualmente facemos fincapé nas mulleres e deusas á hora de contar as orixes de Roma na que son os homes os que tradicionalmente a protagonizan:

PRÍAMO/ ANQUISES... ENEAS... IULO ASCANIO... MARTE... RÓMULO E REMO

mais nos saberemos quen son tamén: 

HÉCUBA/ VENUS-  CREÚSA- DIDO- LAVINIA... REA SILVIA...HERSILIA.

 Un historiador latino denominado Tito Livio escribiu un libro titulado  AB URBE CONDITA ( dende a fundación da cidade, pero antes debemos repasar e saber moi ben o que pasou previamente a que se fundase a cidade. Mito e historia mestúranse e imos ir separando un de outra á vez que trazamos un relato que no mito dura sete xeracións desde a creación de Alba Longa, a primeira capital coñecida do Lacio. 

 

AS MULLERES NO NACEMENTO DE ROMA

Aínda que pareza unha broma, non o é. Este é o título que lle imos dar a este primeiro proxecto en grupo para traballar de xeito ben diferente ao tradicional a Fundación da Roma  Quadrata: teremos moi en conta o punto de vista feminino neste conxunto de relatos que, como en tantas outras ocasións, esquece ás mulleres. Propoñemos que en grupos realicedes un power point para expoñer unha investigación sobre o seguinte tema: AS MULLERES NO NACEMENTO DE ROMA. Como llo contaríamos dun xeito orixinal aos compañeiros e compañeiras de Cultura Clásica? Primeiro temos que investigar para saber, logo estruturar o traballo e procurar unha boa presentación finalmente.


INVESTIGATIO (ampliando e complemetando o xa visto en 3º da ESO)

I- O punto de partida serán as tres mulleres de Eneas e os manexos da deusa Venus: Creúsa, Dido e Lavinia.

II- A nai de Rómulo e Remo, Rea Silvia merece tamén unha interesante e contundente reflexión.

III- Logo virá a cuestión da famosa loba, que hai quen di que era realmente unha muller denominada "lupa", si, unha prostituta. As nais adoptivas de Rómulo e Remo precisan unha pequena investigación: o nome de Lupa, Luperca ou o de Larentia a muller de Faústulo, que poucas veces é citada.

 

Representación do Río Tiber

IV- Outra reflexión en paralelo que hai que realizar é o nome e a personalidade masculina do río Tiber, (hai quen afirma que o nome orixinario, máis primitivo do río era Álbula, que parece feminino, investiga porque se lle cambiou o nome). Logo o nome polo que coñece todo o mundo a este río, Tiber, puidera ter algo que ver co propio nome da cidade que nace a súa beira, Roma (os nomes de cidades son normalmente femininos), xa que a palabra etrusca "rumón" significa río.

V- O capítulo máis violento despois, iso si, de decidirse quen era o rei (do que están ausentes as mulleres), se Rómulo ou Remo, e despois do ritual da Roma Quadrata do monte Palatino. Trátase do rapto das Sabinas, un dos primeiros actos que Rómulo realiza como rei no que non debemos esquecer a famosa e terrible anécdota de Tarpeia.

VI- Como ben sabemos os mitos son en boa medida ficción, non hai máis que ver o protagonismo marcadamente machista destas lendas da fundación. Pero que hai de real no que nos contan. como foi o nacemento de Roma segundo a historia e a arqueoloxía?

VII- Contan que Roma tivo sete reis e que se funda sobre sete colinas, pero será unha muller a que remate coa monarquía romana!

luns, 9 de xaneiro de 2023

IANUARIUS ET PERFECTUS

 

Aproveitando o cambio do ano imos comezar a analizar os meses e o cómputo do tempo en Roma ata entender o complexo mecanismo do calendario que herdamos dos romanos. O primeiro paso será coñecer o deus plenamente romano (non ten nada de grego)  que dá nome a o mes no que estamos: Xaneiro.

O deus Ianus,  é o deus das portas, das dúas caras para os romanos deus do principio e do fin. Aínda que o mes de xaneiro inicialmente non era o primeiro do calendario como xa estudaremos no mes de marzo.

 

Investiguemos que ritos estaban asociados a este deus Ianus do comezo e do fin, é dicir, Ianus Patusius (o que abre) e Ianus Clausius (o que pecha). Se cadra nós, se observas a representación da fotografía, deberiamos colocalos ao revés tendo en conta que na actualidade o primeiro debería representar o ano vello e outro o aninovo. Pero lembra que xaneiro foi durante moito tempo para os romanos o mes undécimo do calendario, polo que estaría ben o rostro do deus máis novo primeiro e logo a cara máis vella.

 

INVESTIGATIO: Que rituais se realizaban arredor deste deus romano Ianus?

 

Que relación garda co símbolo


Este símbolo logo será utilizado polo Cristianismo. Por exemplo aparece como primeiro símbolo cristián conservado en Gallaecia no século IV despois de Cristo no Crismón de Quiroga

 

QUAESTIONES: Como estamos falando do tempo imos volver a vista cara atrás para repasar algo de gramática, relacionado co que vimos a semana pasada (as raíces dos verbos) e á vez aprender algo novo o tempo de PERFECTUM INDICATIVUS