martes, 25 de abril de 2017

ITINERA V: CAIUS IULIUS CAESAR


Roma, tras estas guerras, atopouse en poucos anos con moita riqueza, pero, en vez de distribuíla, esa riqueza foi parar ás clases privilexiadas, terras e escravos para os terratenentes (agrupados no partido da nobilitas )o que provocou a ruína dos pequenos agricultores de toda Italia que se procuraron a vida na capital colapsada por indixentes.

Os tribuni da plebe e outros sectores progresistas (o partido do pobo) comezaron entón a reclamar o reparto de terras equitativo. Os seus contrarios poderosos puxéronse en acción matando primeiro a Tiberio Graco no ano 133 a.C. e dez anos máis tarde a Caio Graco, seu irmán, que tamén intentaba poñer en marcha leis de reparto máis xusto.


Comeza así a Crise da República, caracterizada entre outras cousas pola ambición de poder e os asasinatos políticos.

Despois da Segunda Guerra Púnica que remata no 202 a. C. na batalla de Zama, morre Anibal. O xeneral vencedor, Publio Cornelio Escipión, que o venceu sería chamado dende aquela “o africano”. Logo viría unha Terceira guerra (149-146 a.C.) na que outro dos Escipións, Escipión Emiliano arrasaría a cidade de Cartago.
Estas guerras puxeron de manifesto a contradición entre a nova política exterior romana de carácter imperialista ou de conquista e a orixe campesiña do groso do exército de Roma. Os pequenos propietarios de Italia mobilizados durante anos contra Anibal (218-202 a.C.) abandonaron as súas terras ou malvendéronas aos terratenentes. O problema agravouse porque pola competencia dos produtos importados máis baratos, grazas a man de obra escrava que as conquistas proporcionaran, provocou a forzosa emigración dos pequenos campesiños cara Roma onde ía facéndose máis e máis numerosa unha plebe empobrecida que subsistía coas reparticións gratuítas de cereais e os subornos e compra dos seus votos nas asembleas.

Os efectos que vai provocar na sociedade romana son:
- A violencia e os asasinatos políticos como principal solución dos conflitos.
-Paso da loita política e o debate á ambición persoal de poder (autocracia militar) na que importan pouco as ideas, pero si a militarización da sociedade.
-Profesionalización do exército que fará posible a creación de exércitos privados que seguen a un xeneral baixo a promesa de pagas e beneficiosas.
-Guerra civil enfrontamento de distintos exércitos de romanos contra romanos.
-Revoltas de aliados e de escravos. O caso máis coñecido e máis grave para Roma foi o de Espartaco.

A época dos Gracos (133-122 a. C.) Reivindicacións agrarias


A crise da República romana veu condicionada polo imperialismo de Roma e os seus primeiros síntomas, a mediados del século II a.C. entre os anos 133 a.C. (tribunado de Tiberio Graco) e 27 a.C. (instauración do réxime imperial).

O exército romano estaba integrado por cidadáns propietarios, pero as necesidades militares eran cada vez maiores e o malestar social na plebe urbana polo desemprego e a suba de prezos provocou a división do grupo senatorial en varios grupos o facciones, que intentaban lograr as súas metas políticas manipulando as asembleas populares e utilizando aos tribunos da plebe.

Tribunado de Tiberio Graco (133 a.C.)
Tiberio Sempronio Graco no 133 a.C. propuxo unha lei agraria (Lex Sempronia agraria) que prohibía posuír máis de 500 iugera (125 ha.) de ager publicus + 250 iugera por fillo (ata un máximo de 1000). A terra que debía ser devolta ao estado romano sería parcelada en fincas de 30 iugera (7,5 ha.) e asignadas a cidadáns pobres.

Esta lei agraria de Tiberio Graco prexudicaba aos grandes latifundistas da clase senatorial romana e beneficiaba á plebe, nese sentido era revolucionaria.

Tras da morte de Tiberio Graco as distintas faccións da nobreza senatorial romana aliñáronse en dous partidos contrapostos aínda que ambos tiñan patricios e plebeos nas súas filas:

- Populares: partido dos Graco, intentaba favorecer á plebe e recortar os privilexios do Senado e dos terratenentes.
-Optimates: opositores dos populares tendencia predominante no Senado, defensores dos privilexios dos senadores contrarios ao reparto de terras públicas e restinxir os poderes das asembleas onde tiña maioría a plebe.

O Senado obstaculizou a aplicación da lei e Tiberio Graco será asasinato polos seus inimigos optimates (Cicerón culpaba do asasinato aos Escipións (132 a.C.)

Tribunado de Caio Graco (123-122 a.C.)
Foi elixido tribuno no ano 123 a.C. Continuou coa política do seu irmán Tiberio (en contra dos abusos da nobreza senatorial terratenente), pero no 121 Caio Graco non foi elixido e quitouse a vida. Tras da súa morte a oligarquía urbana intentou acabar coa reforma agraria.

A época de Mario (107- 86 a. C.)

Con este xeneral de orixe humilde, vencedor en varias guerras de conquista, foi elixido cónsul no 107 a.C, cargo que logo ocuparía en varias ocasións. Emprendeu unha reforma militar consistente na profesionalización do exército, solucionando por unha banda o problema de empobrecemento dos pequenos campesiños e abrindo , por outra, a porta a que un xeneral, baixo a promesas de pagas e prebendas ao licenciarse, procurase a fidelidade dos seus soldados e que se utilizasen os exércitos con intereses particulares ditados pola ambición de poder.



Época de Sila (88-79 a.C.) Revoltas de aliados e a guerra civil.
O descontento dos aliados itálicos ante a negativa de Roma de concederlles a cidadanía romana. Estas comunidades organizaron un estado paralelo ao romano. O estado romano acabou cedendo ás peticións dos aliados. A cifra global de cidadáns achegouse ao millón.

Lucio Cornelio Sila era un optimate descendente dunha familia patricia arruinada. Pero conseguira solucionar o conflito cos aliados e foi elixido cónsul polos conservadores. Mario organiza unha revolta e acaba expulsando a Sila da cidade. Pero Sila volverá vencedor ocupando militarmente Roma por vez primeira. Nestes momentos, Roma tiña problemas con Mitrídates VI rei do Ponto quen se apoderara da provincia de Asia e parte de Grecia. Sila foi o encargado de solucionar a guerra contra este rei, momento no que Mario volve a ocupar o poder. Á volta de Sila á cidade provoca unha guerra civil (84 a.C) cos partidarios de Mario, aos que elimina un a un, nomeándoselle logo ditator (con todos os poderes concentrados nunha persoa durante tres anos). Sila contaba cun exército leal ao que recompensara cos recursos obtidos de Oriente. Estableceu que as proposicións de lei dos tribunos da plebe debían ser aprobadas polo Senado antes de proceder á súa votación na asemblea do pobo.


- A rebelión de escravos de Espartaco 73 a.C.

Xa houbera varias revoltas no sur de Italia onde había maior concentración de escravos, pero un escravo tracio chamado Espartaco provocará o terror en Roma ao derrotar a varios exércitos. Despois dun tempo de incertidume, unha acción conxunta de Craso e de Pompeio rematará coa súa intención de abandonar Italia. Miles de escravos serán crucificados.


- A Conxuración de Catilina 63 a.C. contra Cicerón.

Un intento de golpe de estado por parte deste líder ambicioso dos populares chamado Catilina que estivo a punto de aniquilar ao cónsul electo Cicerón, dos optimates, que descubrirá a conspiración no propio Senado pronunciando un famoso discurso “as Catilinarias”. Non sería o último dos disturbios nunha situación caótica.


- O primeiro TRIUNVIRATO 60 a.C. e morte de César

Tres homes (trium - viri) importantes personaxes van pactar en segredo repartirse o poder en Roma. Eran Craso(o home máis rico de Roma grazas aos negocios do comercio consecuencia das conquistas e vencedor de Espartaco), Pompeio (o delfín dos optimates con gran poder no exército) e César (sobriño de Mario, o único que escapara sendo un neno da persecución de Sila e que tras unha campaña na Gallaecia era líder dos populares).
Tras casar a súa filla, Iulia, con Pompeio, César logra o mando dunhas lexións para iniciar unha empresa cunha tripla finalidade (sona en Roma, diñeiro e un exército fiel).
Nace así a denominada Guerra das Galias (foi un escrito de César, unha crónica que vai editando por entregas en Roma mentres el está fóra durante os 8 anos que durou guerra de conquista do territorio celta, aproveitando as desputas internas e os conflitos cos xermanos). Pero en Roma, primeiro morreu Craso e logo a propia filla de César. Entre os senadores romanos foron medrando os temores a un novo Mario e deciden nomear cónsul único a Pompeio no ano 52. Este ordena que César, rematada a conquista volva a Roma, licenciando aos seus exércitos. Pero César decide cruzar o Rubicón, río do Norte de Italia como xefe das súas tropas pronunciando a frase “alea, iacta est” (a sorte está botada), co que declaraba a guerra ao Senado e a Pompeio. De novo unha guerra civil na que vencería César no ano 48 a.C.


César aproveitou a situación inestable de Exipto para axudar a Cleopatra (coa que chega a ter un fillo, Cesarión).
No ano 44 a.C. no Idus de marzo, como xa comentamos César será asasinado no Senado, abríndose un novo período de guerra civil entre os seus partidarios Marco Antonio á cabeza e os seus asasinos Bruto e Casio, entre eles.



Aniquilados os asasinos de César, Marco Antonio, Lépido (outro dos xenerais de confianza de César) e Octavio Augusto (sobriño de César) conforman un novo triunvirato para gobernar, pero axiña rachará o acordo e tras da morte de Lépido, Octavio e Marco Antonio,o novo amante de Cleopatra, emprenden unha guerra civil que rematará co triunfo do que será o primeiro emperador de Roma: Octavio, que gobernará co nome de Augusto (27 a.C.)

Para ver unha biografía de Caius Iulius Caesar I , 2ª parte, 3ª parte, 4ª parte, 5ª parte e 6ª parte.



domingo, 23 de abril de 2017

ITINERA IV: DOMI MILITIAEQUE

1 DOMI MILITIAEQUE: NA PAZ E NA GUERRA.

      COMO VIVÍAN ROMANOS e ROMANAS?

A vida dun romano/a no século I a. C. Debe pasar por diferenciar, en primeiro lugar, entre libres e escravos, entre homes e mulleres, a clase social, o nivel económico dos personaxes que queremos crear, pero tamén se están a pasar por un momento de paz ou de guerra lamentablemente tan presente para calquera romano/a do século I a. C. Interésannos incorporar todos os planos posibles por iso a vida cotiá dende a casa ata o foro, dende a escola ata o campamento,  dende o nacemento e a infancia á vellez e a morte son aspectos que nos interesan. Son roles tan distintos os dos homes e das mulleres, os dos señores e o dos escravos, os dunha sociedade en guerra ao dunha en paz que temos, por forza, que darlle corpo a esta viaxe creando ao longo da mesma (dende o momento que nós escollamos) unha parella (vir aut mulier) complementaria ao personaxe  escollido inicialmente  para esta experiencia.  

A interacción entre personaxes reais e ficticios, pero verosímiles, é a esencia do presente traballo onde o rigor e a capacidade tanto como investigador como narrador de cada quen vai quedar plasmada.

A)     DOMI:  Na vida de cada persoa son momentos transcendentais. Dalgúns xa temos falado: -     O nacemento e a morte, así coma da infancia e a escola, os primeiros momentos da formación. Agora toca facer un esquema para ver como seguiría a vida dun mozo romano ou unha moza romana, como o seu nivel económico, ser muller ou home condiciona o resto da súa vida digamos privata, aínda que moitas aspectos teñen, claro está, unha dimensión pública.



    Casa, alimentación e vestiario:


-          Formación:
-          Casamento:
-          Traballo:
-          Ocio:
- Urbs romana: 

B)      MILITIAE:Das guerras de conquista ás guerras civís. César pasará por ambos tipos de enfrontamentos que debemos abordar na nosa viaxe inevitablemente, en maior o menor medida segundo queiramos e precisemos. Deixamos as guerras civís para seguinte apartado.

A guerra das Galias o paso por esta etapa de César precisa varios complementos:
-          Como era a vida dun soldado no castra,-orum
-     

-          

xoves, 20 de abril de 2017

ITINERA III: A CRISE DA REPÚBLICA ROMANA

1-      A CRISE DA REPÚBLICA ROMANA
    Tras das Guerras Púnicas (contra Cartago) e/ou como consecuencia das Guerras contra os cartaxineses Roma comeza a pensar como un imperio. Tiña un motor que eran os escravos e novos territorios conquistados, tiña un exército poderoso por terra e mar, columna vertebral do imperio,  logo de feito xa era un Imperio en marcha, pero aínda tiña unha forma de goberno, a República, que se manifestará pouco a pouco como inviable para dirixir este proceso imperialista. Imos entendelo axiña.

 A REPUBLICA ROMANA? SPQR.  Senatus Populusque Romanum: Como funcionaban? para elo tes que documentarte sobre os tres piares sobre os que se asentaba:



SENATUS:  O Senado naceu na época da  Monarquía, pero cando pasa a ser o centro neurálxico do sistema político romano será durante á República como podes comprobar neste enlace

POPULUS: Os comitia, son as asembleas nas que o pobo podía exercer o seu dereito a elixir aos gobernantes, entre outros asuntos, pero en principio estas asembleas para votar  estaban só nas mans dos patricios ( logo apareceu a asemblea dos plebeos (Concilia plebis) para poder escoller aos seus maxistrados, tribuni plebis. Na época republicana será o Comitia centuraita (con unha gran maioría de patricios) quen escollera os cargos máis importantes ou con maior poder. A última asamblea era os Comitia tributa, con maioría de plebeos. Inicialmente para escoller cargos de menor importancia, pero coa equiparación de dereitos entre patricios e plebeos durante a República a asamblea máis democrática (un home un voto) irá cobrando cada vez máis protagonismo ata ser crucial nos últimos momentos da época republicana.

Comitia curiata)

CURSUS HONORUM: Este é o nome que recibía a carreira política en Roma. Os distintos magistrati. Era o camiño a seguir para lograr ser cónsul, é dicir, Primeiro ministro, e posteriormente senador, poder intervir directamente no goberno. Inicialmente exclusivo dos patricios, pero ao que van ir incorporándose pouco a pouco os plebeos, especialmente os máis ricos, claro está.
Para saber como funcionaba podes consultar dende a entrada da Galipedia ata outras entradas dos nosos blogs

CARACTERÍSTICAS DA CRISE DA REPÚBLICA: Este período que vai a acabar coa República comeza no século II a.C. e ten como principais características: Ambición de poder, sasinatos políticos, revoltas de aliados, revoltas de escravos, masacres, exércitos privados e guerras civís. 

 CUESTIONARIO: Despois de ler e consultar o que creas conveniente elabora un cuestionario con 12 preguntas básicas para entender como funcionaba a república romana e como se xera a crise da República en Roma. 

martes, 18 de abril de 2017

ITINERA II: O PASO DA SOCIEDADE DA GENS Á SOCIEDADE ESCRAVISTA

 A NOSA VIAXE POLA ROMA DE CÉSAR: Para facer máis completa e verosimil esta viaxe o
primeiro en situala no tempo. Vai durar como mínimo o mesmo tempo da vida  de César que escollemos como personaxe de referencia real, fácil de seguir pola cantidade de datos que existen sobre el e porque vive e protagoniza un dos momentos cruciais da historia de Roma: a crise da república, sintetizando na súa persoa o proceso de transformación de Roma nun Imperio. Nace no ano 100 a.C. no momento en que Roma xa leva un século nesa marcha imparable cara á creación do Imperio, un proceso que como veremos se acelerará e se precipitará nos tempos de César. Pero que debemos coñecer con anterioridade para poder preparar e comezar a nosa viaxe persoal?

I-      Gallaecia: Queremos incorporar nesta viaxe a través do tempo o lugar onde vivimos, coñecer que estaba pasando na nosa terra daquela, na Gallaecia, pero non necesariamente temos comezar a nosa historia  neste período de transición entre a conquista deste territorio e a súa plena incorporación ao mundo romano.  Podemos facelo  de varias formas ben iniciando aquí, en Galicia, a viaxe cun personaxe nacido nesta terra, ou ben incorporando outro personaxe da nosa crónica despois, nalgún momento da nosa recreación porque realmente imos ter que crear dous personaxes para facilitar unha visión máis completa da Roma desta época.  Coa idea de facilitar esta inclusión na viaxe xa temos feita unha aproximación á cultura castrexa e a vida nun castro galaico-romano.

II-      CIVES ET SERVI: O PASO DA SOCIEDADE DA GENS Á UNHA SOCIEDADE ESCRAVISTA.
 Para chegar a saber como era Roma no final da República temos que comprender cales eran os cambios máis profundos que estaba a vivir o mundo romano no momento no que nace César e por que se deron.


As grandes civilizacións da Antigüidade pasaron todas por unha transformación interna de carácter socio-económico que vai xerar cambios de todo tipo, especialmente nas fórmulas de goberno. Vexamos o paralelo con Atenas e Roma  no seguinte cadro:


A)     SOCIEDADE DA GENS: Coa cor vermella vemos os primeiros momentos de xestación de estados potentes como o de Atenas e Roma que pasan por varios e distintos sistemas de goberno, pero que en esencia responden aos intereses dunha clase social que ten todos os dereitos porque son fundadores ou descendentes dos fundadores, é dicir, pola súa linaxe e orixe en función do sangue, por pertencer a unha mesma estirpe (gens).


Por que se dan os primeiros conflitos nestas cidades? Por pertencer a gens (é dicir, ter todos os dereitos) ou non formar parte da mesma, por non ser fillo dun fundador, a pesar de vivir e morrer pola túa cidade.  Centrándonos xa en Roma, esta é a loita de Patricios (fundadores e con dereitos) e Plebeos (non fundadores, inialmente estranxeiros  e sen dereitos). Os cambios de goberno responden, en gran medida, a un proceso de conquista de dereitos por parte dos plebeos. Vexamos un exemplo:

A loita pola equiparación de dereitos entre patricios e plebeos en Roma: Un rei etrusco gobernaba Roma, pero a súa soberbia levouno a perder o poder e ser expulsado da cidade no ano 509 a. C. Isto provocou unha guerra entre outras cidades etruscas e a propia Roma. Os romanos gañaron e Roma sería gobernada polos patricios, terratenentes que formaban o Senado. Os plebeos pequenos campesiños, artesáns, obreiros e comerciantes debían combater no exército, pero non podían participar do goberno.   Así no ano 494 a.C. os plebeos ameazan aos patricios con marchar de Roma e fundar unha nova cidade se estes non conceden estes tres dereitos:
- Non perder a liberdade por impago de débedas.
- A creación dun maxistrado con dereito a veto ante o Senado e os maxistrados.
- A creación dunha asemblea da plebe (concilia plebis)

Esta primeira folga xeral dos plebeos, foi o comezo dunha serie de reivindicacións que lograrán a equiparación de dereitos entre patricios e plebeos á altura do ano 287 a.c. Bótalle un ollo ao esquema deste proceso:
494 a.C. folga xeral plebea
451-449 a. C. Lei escrita
440 a.C.  permite os casamentos entre patricios e plebeos.
Do 409 a.C. ao 300 a.C. os plebeos van ir accedendo a cargos públicos como cuestura, consulado, censura, pretura, pontificado que antes eran exclusivos dos patricios. 
287 a.C.A equiparación en dereitos é unha realidade dándolle o Senado forza de lei ás decisións das asambleas da plebe.

B)      SOCIEDADE DOS SERVI: Imos coa parte verde do cadro anterior. Como podedes ver hai un antes e un despois marcado pola cor amarela no esquema. Efectivamente serios conflitos bélicos provocan un cambio substancial da situación económica e política en Atenas ( século V a.c.) e tamén en Roma (século III a.C.). As guerras traen como consecuencia dous elementos moi importantes para estas sociedades: o aumento das terras propiedade da cidade e escravos, que son na súa maioría prisioneiros de guerra, parte do botín.


As guerras Púnicas levaron aos romanos máis alá da Península Itálica, trouxéronos á Hispania e finalmente este proceso de conquista e novos territorios os traerá cara a Gallaecia atraídos pola súa riqueza mineral.

Todos estes datos son imprescindibles para poder comezar a nosa viaxe e  por iso que para enriquecer o noso coñecemento imos crear dous personaxes un libre e outro escravo (home ou muller? Ti escolles!) 

luns, 3 de abril de 2017

ITINERA I: O MUNDO CASTREXO ANTES DA CHEGADA DOS ROMANOS Á GALLAECIA


O punto de partida do noso traballo de investigación persoal da 3ª avaliación será precisamente a GALLAECIA do 100 a.C. aproximadamente. Podemos empezar como máis tarde, se é que o preferides, aló polo 62 antes de Cristo, tendo en conta que un dos nosos personaxes imprescindibles nesta historia é precisamente Iulius Caesar (que naceu no 100 a.C. e morreu no 44 a.C.) e do que sabemos viaxou ao fronte dunha expedición militar á Gallaecia cara ao ano 61-60 a.C. grazas á cal podería, tras volver a Roma cos bolsos ben cheos, iniciar a súa trepidante carreira política. 

E dado que estamos a falar de datas e que imos "romanizarnos" entremos no mundo do cómputo do tempo segundo os propios romanos. Imos comprender e usar no diario que imos realizar as datas dos romanos e non as nosas.