martes, 18 de abril de 2017

ITINERA II: O PASO DA SOCIEDADE DA GENS Á SOCIEDADE ESCRAVISTA

 A NOSA VIAXE POLA ROMA DE CÉSAR: Para facer máis completa e verosimil esta viaxe o
primeiro en situala no tempo. Vai durar como mínimo o mesmo tempo da vida  de César que escollemos como personaxe de referencia real, fácil de seguir pola cantidade de datos que existen sobre el e porque vive e protagoniza un dos momentos cruciais da historia de Roma: a crise da república, sintetizando na súa persoa o proceso de transformación de Roma nun Imperio. Nace no ano 100 a.C. no momento en que Roma xa leva un século nesa marcha imparable cara á creación do Imperio, un proceso que como veremos se acelerará e se precipitará nos tempos de César. Pero que debemos coñecer con anterioridade para poder preparar e comezar a nosa viaxe persoal?

I-      Gallaecia: Queremos incorporar nesta viaxe a través do tempo o lugar onde vivimos, coñecer que estaba pasando na nosa terra daquela, na Gallaecia, pero non necesariamente temos comezar a nosa historia  neste período de transición entre a conquista deste territorio e a súa plena incorporación ao mundo romano.  Podemos facelo  de varias formas ben iniciando aquí, en Galicia, a viaxe cun personaxe nacido nesta terra, ou ben incorporando outro personaxe da nosa crónica despois, nalgún momento da nosa recreación porque realmente imos ter que crear dous personaxes para facilitar unha visión máis completa da Roma desta época.  Coa idea de facilitar esta inclusión na viaxe xa temos feita unha aproximación á cultura castrexa e a vida nun castro galaico-romano.

II-      CIVES ET SERVI: O PASO DA SOCIEDADE DA GENS Á UNHA SOCIEDADE ESCRAVISTA.
 Para chegar a saber como era Roma no final da República temos que comprender cales eran os cambios máis profundos que estaba a vivir o mundo romano no momento no que nace César e por que se deron.


As grandes civilizacións da Antigüidade pasaron todas por unha transformación interna de carácter socio-económico que vai xerar cambios de todo tipo, especialmente nas fórmulas de goberno. Vexamos o paralelo con Atenas e Roma  no seguinte cadro:


A)     SOCIEDADE DA GENS: Coa cor vermella vemos os primeiros momentos de xestación de estados potentes como o de Atenas e Roma que pasan por varios e distintos sistemas de goberno, pero que en esencia responden aos intereses dunha clase social que ten todos os dereitos porque son fundadores ou descendentes dos fundadores, é dicir, pola súa linaxe e orixe en función do sangue, por pertencer a unha mesma estirpe (gens).


Por que se dan os primeiros conflitos nestas cidades? Por pertencer a gens (é dicir, ter todos os dereitos) ou non formar parte da mesma, por non ser fillo dun fundador, a pesar de vivir e morrer pola túa cidade.  Centrándonos xa en Roma, esta é a loita de Patricios (fundadores e con dereitos) e Plebeos (non fundadores, inialmente estranxeiros  e sen dereitos). Os cambios de goberno responden, en gran medida, a un proceso de conquista de dereitos por parte dos plebeos. Vexamos un exemplo:

A loita pola equiparación de dereitos entre patricios e plebeos en Roma: Un rei etrusco gobernaba Roma, pero a súa soberbia levouno a perder o poder e ser expulsado da cidade no ano 509 a. C. Isto provocou unha guerra entre outras cidades etruscas e a propia Roma. Os romanos gañaron e Roma sería gobernada polos patricios, terratenentes que formaban o Senado. Os plebeos pequenos campesiños, artesáns, obreiros e comerciantes debían combater no exército, pero non podían participar do goberno.   Así no ano 494 a.C. os plebeos ameazan aos patricios con marchar de Roma e fundar unha nova cidade se estes non conceden estes tres dereitos:
- Non perder a liberdade por impago de débedas.
- A creación dun maxistrado con dereito a veto ante o Senado e os maxistrados.
- A creación dunha asemblea da plebe (concilia plebis)

Esta primeira folga xeral dos plebeos, foi o comezo dunha serie de reivindicacións que lograrán a equiparación de dereitos entre patricios e plebeos á altura do ano 287 a.c. Bótalle un ollo ao esquema deste proceso:
494 a.C. folga xeral plebea
451-449 a. C. Lei escrita
440 a.C.  permite os casamentos entre patricios e plebeos.
Do 409 a.C. ao 300 a.C. os plebeos van ir accedendo a cargos públicos como cuestura, consulado, censura, pretura, pontificado que antes eran exclusivos dos patricios. 
287 a.C.A equiparación en dereitos é unha realidade dándolle o Senado forza de lei ás decisións das asambleas da plebe.

B)      SOCIEDADE DOS SERVI: Imos coa parte verde do cadro anterior. Como podedes ver hai un antes e un despois marcado pola cor amarela no esquema. Efectivamente serios conflitos bélicos provocan un cambio substancial da situación económica e política en Atenas ( século V a.c.) e tamén en Roma (século III a.C.). As guerras traen como consecuencia dous elementos moi importantes para estas sociedades: o aumento das terras propiedade da cidade e escravos, que son na súa maioría prisioneiros de guerra, parte do botín.


As guerras Púnicas levaron aos romanos máis alá da Península Itálica, trouxéronos á Hispania e finalmente este proceso de conquista e novos territorios os traerá cara a Gallaecia atraídos pola súa riqueza mineral.

Todos estes datos son imprescindibles para poder comezar a nosa viaxe e  por iso que para enriquecer o noso coñecemento imos crear dous personaxes un libre e outro escravo (home ou muller? Ti escolles!) 

Ningún comentario:

Publicar un comentario