mércores, 11 de xaneiro de 2023

DA MONARQUÍA Á REPÚBLICA ROMANA

 


Imos repasar e á vez afondar os contidos que xa traballamos en 3º da ESO en Cultura Clásica e que agora teremos que asentar e ampliar para comezar o noso camiño pola historia de Roma. 

Habitualmente facemos fincapé nas mulleres e deusas á hora de contar as orixes de Roma na que son os homes os que tradicionalmente a protagonizan:

PRÍAMO/ ANQUISES... ENEAS... IULO ASCANIO... MARTE... RÓMULO E REMO

mais nos saberemos quen son tamén: 

HÉCUBA/ VENUS-  CREÚSA- DIDO- LAVINIA... REA SILVIA...HERSILIA.

 Un historiador latino denominado Tito Livio escribiu un libro titulado  AB URBE CONDITA ( dende a fundación da cidade, pero antes debemos repasar e saber moi ben o que pasou previamente a que se fundase a cidade. Mito e historia mestúranse e imos ir separando un de outra á vez que trazamos un relato que no mito dura sete xeracións desde a creación de Alba Longa, a primeira capital coñecida do Lacio. 

 

AS MULLERES NO NACEMENTO DE ROMA

Aínda que pareza unha broma, non o é. Este é o título que lle imos dar a este primeiro proxecto en grupo para traballar de xeito ben diferente ao tradicional a Fundación da Roma  Quadrata: teremos moi en conta o punto de vista feminino neste conxunto de relatos que, como en tantas outras ocasións, esquece ás mulleres. Propoñemos que en grupos realicedes un power point para expoñer unha investigación sobre o seguinte tema: AS MULLERES NO NACEMENTO DE ROMA. Como llo contaríamos dun xeito orixinal aos compañeiros e compañeiras de Cultura Clásica? Primeiro temos que investigar para saber, logo estruturar o traballo e procurar unha boa presentación finalmente.


INVESTIGATIO (ampliando e complemetando o xa visto en 3º da ESO)

I- O punto de partida serán as tres mulleres de Eneas e os manexos da deusa Venus: Creúsa, Dido e Lavinia.

II- A nai de Rómulo e Remo, Rea Silvia merece tamén unha interesante e contundente reflexión.

III- Logo virá a cuestión da famosa loba, que hai quen di que era realmente unha muller denominada "lupa", si, unha prostituta. As nais adoptivas de Rómulo e Remo precisan unha pequena investigación: o nome de Lupa, Luperca ou o de Larentia a muller de Faústulo, que poucas veces é citada.

 

Representación do Río Tiber

IV- Outra reflexión en paralelo que hai que realizar é o nome e a personalidade masculina do río Tiber, (hai quen afirma que o nome orixinario, máis primitivo do río era Álbula, que parece feminino, investiga porque se lle cambiou o nome). Logo o nome polo que coñece todo o mundo a este río, Tiber, puidera ter algo que ver co propio nome da cidade que nace a súa beira, Roma (os nomes de cidades son normalmente femininos), xa que a palabra etrusca "rumón" significa río.

V- O capítulo máis violento despois, iso si, de decidirse quen era o rei (do que están ausentes as mulleres), se Rómulo ou Remo, e despois do ritual da Roma Quadrata do monte Palatino. Trátase do rapto das Sabinas, un dos primeiros actos que Rómulo realiza como rei no que non debemos esquecer a famosa e terrible anécdota de Tarpeia.

VI- Como ben sabemos os mitos son en boa medida ficción, non hai máis que ver o protagonismo marcadamente machista destas lendas da fundación. Pero que hai de real no que nos contan. como foi o nacemento de Roma segundo a historia e a arqueoloxía?

VII- Contan que Roma tivo sete reis e que se funda sobre sete colinas, pero será unha muller a que remate coa monarquía romana!

Ningún comentario:

Publicar un comentario