martes, 5 de abril de 2022

DA SOCIEDADE DOS SERVI

 

A CRISE DA REPÚBLICA

A Crise da República principia coas Guerras Púnicas (264-146 a. C.) do século III-II a. C. Comezo da expansión de Roma fóra de Italia coa que cambiará de status cara á SOCIEDADE DOS SERVI, clave fundamental para entender a aparición do Imperio Romano.

Esta segunda etapa da República prodúcese como consecuencia de conformarse en Roma unha crecente sociedade escravista consecuencia directa das Conquistas fóra de Italia (a primeira das cales e, moi importante, será provocada polas Guerras Púnicas).

Roma, tras estas guerras, atopouse en poucos anos con moita riqueza, pero, en vez de distribuila, esa riqueza foi parar ás clases privilexiadas, terras e escravos para os terratenentes (agrupados no partido da nobilitas) o que provocou a ruína dos pequenos agricultores de toda Italia que se procuraron a vida na capital colapsada por indixentes.

Os tribuni da plebe e outros sectores progresistas (o partido do pobo) comezaron entón a reclamar o reparto de terras equitativo.

Os seus contrarios poderosos puxéronse en acción matando primeiro a Tiberio Graco no ano 133 a.C. e dez anos máis tarde a Caio Graco, seu irmán, que tamén intentaba poñer en marcha leis de reparto máis xusto.

Comeza así a Crise da República, caracterizada entre outras cousas pola ambición de poder e os asasinatos políticos.

CAUSAS DA CRISE

Despois da Segunda Guerra Púnica que remata no 202 a. C. na batalla de Zama, morre o cartaxinés Anibal. O xeneral vencedor, Publio Cornelio Escipión, que o venceu sería chamado dende aquela “o africano”.  Logo viría unha Terceira guerra (149-146 a.C.) na que outro dos Escipións, Escipión Emiliano arrasaría a cidade de Cartago.

       Estas guerras puxeron de manifesto a contradición entre a nova política exterior romana de carácter imperialista ou de conquista e a orixe campesiña do groso do exército de Roma. Os pequenos propietarios de Italia mobilizados durante anos contra Anibal (218-202 a.C.) abandonaron as súas terras ou malvendéronas aos terratenentes. O problema agravouse porque pola competencia dos produtos importados máis baratos, grazas a man de obra escrava que as conquistas proporcionaran, provocou a forzosa emigración dos pequenos campesiños cara Roma onde ía facéndose máis e máis numerosa unha plebe empobrecida que subsistía coas reparticións gratuítas de cereais e os subornos e compra dos seus votos nas asembleas.

CARACTERÍSTICAS DA CRISE DA REPLÚBLICA

 Os efectos que vai provocar na sociedade romana son:

- A violencia e os asasinatos políticos como principal solución dos conflitos.

-Paso da loita política e o debate á ambición persoal de poder (autocracia militar) na que importan pouco as ideas, pero si a militarización da sociedade.

-Profesionalización do exército que fará posible a creación de exércitos privados que seguen a un xeneral baixo a promesa de pagas e beneficiosas.

-Guerra civil enfrontamento de distintos exércitos de romanos contra romanos.

-Revoltas de aliados e de escravos. O caso máis coñecido e máis grave para Roma foi o de Espartaco.

A ÉPOCA DOS IRMÁNS TIBERIO E CAIO  GRACO

       A crise da República romana veu condicionada polo imperialismo de Roma e os seus primeiros síntomas, a mediados del século II a.C. entre os anos 133 a.C. (tribunado de Tiberio Graco) e 27 a.C. (instauración do réxime imperial).

       O exército romano estaba integrado por cidadáns propietarios, pero as necesidades militares eran cada vez maiores e o malestar social na plebe urbana polo desemprego e a suba de prezos provocou a división do grupo senatorial en varios grupos o facciones, que intentaban lograr as súas metas políticas manipulando as asembleas populares e utilizando aos tribunos da plebe.

Tribunado de Tiberio Graco (133 a.C.)

       Tiberio Sempronio Graco no 133 a.C. propuxo unha lei agraria (Lex Sempronia agraria) que prohibía posuír máis de 500 iugera (125 ha.) de ager publicus + 250 iugera por fillo (ata un máximo de 1000). A terra que debía ser devolta ao estado romano sería parcelada en fincas de 30 iugera (7,5 ha.) e asignadas a cidadáns pobres.

       Esta lei agraria de reparto de terras de Tiberio Graco perxudicaba aos grandes latifundistas da clase senatorial romana e beneficiaba á plebe, nese sentido era revolucionaria.

       As distintas faccións da nobreza senatorial romana aliñáronse en dous partidos contrapostos aínda que ambos tiñan patricios e plebeos nas súas filas:

- Populares: partido dos Graco, intentaba favorecer á plebe e recortar os privilexios do Senado e dos terratenentes.

- Optimates: opositores dos populares tendencia predominante no Senado, defensores dos privilexios dos senadores contrarios ao reparto de terras públicas e restinxir os poderes das asembleas onde tiña maioría a plebe.

       O Senado obstaculizou a aplicación da lei e Tiberio Graco será asasinato polos seus inimigos optimates (Cicerón culpaba do asasinato aos Escipións (132 a.C.)

Tribunado de Caio Graco (123-122 a.C.)

       Foi elixido tribuno no ano 123 a.C. Continuou coa política do seu irmán Tiberio (en contra dos abusos da nobreza senatorial terratenente), pero no 121 Caio Graco non foi elixido e quitouse a vida. Tras da súa morte a oligarquía urbana intentou acabar coa reforma agraria.

A ÉPOCA DE  MARIO E  SILA: Do exército profesional á guerra civil

       Mario: Con este xeneral de orixe humilde, vencedor en varias guerras de conquista, foi elixido cónsul no 107 a.C, cargo que logo ocuparía en varias ocasións. Emprendeu unha reforma militar consistente na profesionalización do exército, solucionando por unha banda o problema de empobrecemento dos pequenos campesiños e abrindo , por outra, a porta a que un xeneral, baixo a promesas de pagas e prebendas ao licenciarse, procurase a fidelidade dos seus soldados e que se utilizasen os exércitos con intereses particulares ditados pola ambición de poder.

Revoltas de aliados e a guerra civil.

       O descontento dos aliados itálicos ante a negativa de Roma de concederlles a cidadanía romana. Estas comunidades organizaron un estado paralelo ao romano. O estado romano acabou cedendo ás peticións dos aliados. A cifra global de cidadáns achegouse ao millón.

       Lucio Cornelio Sila era un optimate descendente dunha familia patricia arruinada. Pero conseguira solucionar o conflito cos aliados e foi elixido cónsul polos conservadores. Mario organiza unha revolta e acaba expulsando a Sila da cidade. Pero Sila volverá vencedor ocupando militarmente Roma por vez primeira. Nestes momentos, Roma tiña problemas con Mitrídates VI rei do Ponto quen se apoderara da provincia de Asia e parte de Grecia. Sila foi o encargado de solucionar a guerra contra este rei, momento no que Mario volve a ocupar o poder. Á volta de Sila á cidade provoca unha guerra civil (84 a.C) cos partidarios de Mario, aos que elimina un a un, nomeándoselle logo dictator (con todos os poderes concentrados nunha persoa durante tres anos). Sila contaba cun exército leal ao que recompensara cos recursos obtidos de Oriente. Estableceu que as proposicións de lei dos tribunos da plebe debían ser aprobadas polo Senado antes de proceder á súa votación na asemblea do pobo.

AS REVOLTAS DE ESCRAVOS E A AMBICIÓN DE PODER

- A Rebelión de escravos de Espartaco 73 a.C.

       Xa houbera varias revoltas no sur de Italia onde había maior concentración de escravos, pero un escravo tracio chamado Espartaco provocará o terror en Roma ao derrotar a varios exércitos. Despois dun tempo de incertidume, unha acción conxunta de Craso e de Pompeio rematará coa súa intención de abandonar Italia. Miles de escravos serán crucificados.

- A Conxuración de Catilina 63 a.C. contra Cicerón.

       Un intento de golpe de estado por parte deste líder ambicioso dos populares chamado Catilina que estivo a punto de aniquilar ao cónsul electo Cicerón, dos optimates, que descubrirá a conspiración no propio Senado pronunciando un famoso discurso “As Catilinarias”. Non sería o último dos disturbios nunha situación caótica.

O PRIMEIRO TRIUMVIRATO ( Do 60 a.C. á morte de César)

Tres homes (trium - viri) importantes personaxes van pactar en segredo repartirse o poder en Roma. Eran Craso (o home máis rico de Roma grazas aos negocios do comercio consecuencia das conquistas e vencedor de Espartaco), Pompeio (o delfín dos optimates con gran poder no exército) e César (sobriño de Mario, o único que escapara sendo un neno da persecución de Sila e que tras unha campaña na Gallaecia era líder dos populares).

       Tras casar a súa filla, Iulia, con Pompeio, César logra o mando dunhas lexións para iniciar unha empresa cunha tripla finalidade (sona en Roma, diñeiro e un exército fiel).

       Nace así a denominada Guerra das Galias (foi un escrito de César, unha crónica que vai editando por entregas en Roma mentres el está fóra durante os 8 anos que durou guerra de conquista do territorio celta, aproveitando as desputas internas e os conflitos cos xermanos). Pero en Roma, primeiro morreu Craso e logo a propia filla de César. Entre os senadores romanos foron medrando os temores a un novo Mario e deciden nomear cónsul único a Pompeio no ano 52. Este ordena que César, rematada a conquista volva a Roma, licenciando aos seus exércitos. Pero César decide cruzar o Rubicón, río do Norte de Italia como xefe das súas tropas pronunciando a frase “alea, iacta est” (a sorte está botada), co que declaraba a guerra ao Senado e a Pompeio. De novo unha guerra civil na que vencería César no ano 48 a.C.

Os idus de Marzo

       César aproveitou a situación inestable de Exipto para axudar a Cleopatra (coa que chega a ter un fillo, Cesarión).
No ano 44 a.C. no Idus de marzo, como xa comentamos César será asasinado no Senado, abríndose un novo período de guerra civil entre os seus partidarios Marco Antonio á cabeza e os seus asasinos Bruto e Casio, entre eles.

  O Segundo Triunvirato: Unha nova Guerra Civil

-          Un novo triunvirato: Aniquilados os asasinos de César, Marco Antonio, Lépido (outro dos xenerais de confianza de César) e Octavio Augusto (sobriño de César) conforman un segundo triunvirato para gobernar.


-           Pero axiña rachará o acordo e tras da morte de Lépido, Octavio e Marco Antonio,o novo amante de Cleopatra, emprenden unha Guerra Civil que rematará co triunfo do que será o primeiro emperador de Roma: Octavio, que gobernará co nome de Augusto (27 a.C.)

Comeza unha época de esplendor do Imperio Romano consecuencia da SOCIEDADE DOS SERVI


Ningún comentario:

Publicar un comentario