A meirande parte das palabras que usamos ao cabo do día son vellas palabras latinas pero que sufriron en maior ou menor medida certa evolución. Esa transformación converteunas en palabras patrimoniais nas distintas linguas romances. Así do latín PLENUM procede o noso CHEO, que en castelán foi LLENO. Pasa algo semellante co verbo VIDEO do que procede a nosa palabra VEXO.
Por outra banda, hai ocasións nas que a lingua precisa, como xa dixemos, expresar novas ideas ou algo novo. Entón recorremos ao latín como lingua nai ou de cultura para poñer en circulación de novo vellas palabras que chamamos cultismos porque non sofren apenas transformacións. De PLENUM sae o noso PLENO (fíxate non se di "cheo municipal" senón que é "pleno municipal"). Outro exemplo de cultismo é o nome do aparello que reproduce imaxes: VIDEO.
Desta maneira atopamos con frecuencia pares léxicos como o que observamos no esquema adxunto. Podes facer probas co castelán neste enlace ou tamén aquí.
Tamén hai casos nos que atopamos tres palabras distintas dunha mesma raíz ou étimo latino que responden a distintos procesos de evolución e de incorporación do léxico ao noso idioma. Son os denominados semicultismos. Así de PLENA MARE en latín, procede PREAMAR (a medio camiño entre plena e chea). Vexamos outro exemplo: REGULAM dá en galego unha palabra culta: REGULAR (adxectivo/ verbo), un semicultismo REGRA (subs.) e unha palabra patrimonial RELLA (parte do arado).
Finalmente están os latinismos que se incorporan ás linguas romances sen ningún cambio, inalteradas.: album, quorum, maximum, minimum, sendo moi comúns as frases como modus opperandi, stricto sensu...(para ver máis).
Ningún comentario:
Publicar un comentario