Aínda que pareza unha broma, non o é. Este é o título que lle imos dar a este primeiro proxecto en grupo para traballar de xeito ben diferente ao tradicional a Fundación da Roma Quadrata: teremos moi en conta o punto de vista feminino neste conxunto de relatos que, como en tantas outras ocasións, esquece ás mulleres. Propoñemos que en grupos realicedes un power point para expoñer unha investigación sobre o seguinte tema: AS MULLERES NO NACEMENTO DE ROMA. Como llo contaríamos dun xeito orixinal aos compañeiros e compañeiras de Cultura Clásica? Primeiro temos que investigar para saber, logo estruturar o traballo e procurar unha boa presentación finalmente.
INVESTIGATIO
I- O punto de partida serán as tres mulleres de Eneas e os manexos da deusa Venus: Creúsa, Dido e Lavinia.
II- A nai de Rómulo e Remo, Rea Silvia merece tamén unha interesante e contundente reflexión.
III- Logo virá a cuestión da famosa loba, que hai quen di que era realmente unha muller denominada "lupa", si, unha prostituta. As nais adoptivas de Rómulo e Remo precisan unha pequena investigación: o nome de Lupa, Luperca ou o de Larentia a muller de Faústulo, que poucas veces é citada.
Representación do Río Tiber |
V- O capítulo máis violento despois, iso si, de decidirse quen era o rei (do que están ausentes as mulleres), se Rómulo ou Remo, e despois do ritual da Roma Quadrata do monte Palatino. Trátase do rapto das Sabinas, un dos primeiros actos que Rómulo realiza como rei no que non debemos esquecer a famosa e terrible anécdota de Tarpeia.
VI- Como ben sabemos os mitos son en boa medida ficción, non hai máis que ver o protagonismo marcadamente machista destas lendas da fundación. Pero que hai de real no que nos contan. como foi o nacemento de Roma segundo a historia e a arqueoloxía?
VII- Contan que Roma tivo sete reis e que se funda sobre sete colinas, pero será unha muller a que remate coa monarquía romana!
O traballo terá como finalidade primeira coñecer de xeito crítico os mitos e lendas que rodean a Fundación de Roma, poñendo, claro está, o acento na visión da muller que traslocen. Deberá ser exposto na aula, tras unha revisión de contidos e posta a punto por parte do profesor. A creatividade, o aporte de ilustracións pertinentes e, sobre todo, a agudeza na investigación e análise dos distintos apartados serán fundamentais para avaliar o mesmo.
Nota: Non esquecer incluír a bibliografía consultada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario