O NACEMENTO NA ANTIGA ROMA
En Roma, como tamén na antiga Grecia, o recén nacido debía ser recoñecido polo pai, que lle impoñía o nome. Os nenos ou nenas que non eran recoñecidos (por ser ilexítimos, por exceso de fillos, por falta de recursos para crialos, por enfermidade, por ser nena...) eran abandonados: algúns deles eran recollidos por outras parellas ou simplesmente acollidos como escravos.
Nunha carta enviada a súa esposa dende Exipto Tiberio,un cidadán romano, padre preocupado polo parto inminente, dáballe as seguintes indicacións:
"Prégoche que coides do neno e se recibo axiña a miña paga, enviareicha de contado. Se tes o neno antes da miña volta e é varón, déixao vivir; se é unha nena, expona" (Papiro de Oxirrinco 744)
Se o pai non aceptaba ao recén nado e procedía ao abandono do fillo ou filla que se denominaba expositio. Pero cando o pai romano recoñecía ao seu fillo ou filla facíao oficial ao oitavo ou noveno día do nacemento no transcurso dunha cerimonia familiar coñecida como lustratio. Consistía este rito en erguer ao neno do chan, purificalo e colocarlle ao redor do pescozo un amuleto (bulla se era un neno, ou lunula se era unha nena) que o debía protexer dos maleficios durante a infancia. Remataba a cerimonia coa imposición do nome. Como todas as sociedades antigas, a romana era machista e xa dende o berce imos notar claras diferenzas entre homes e mulleres, tamén entre cidadáns e escravos.
OS NOMES DOS NENOS
Aos nenos dábaselles un praenomen, ou nome de pía, pero cando eran adultos usaban o tria nomina. Vexamos un exemplo: Apius Claudius Caecus, Caius Iulius Caesar
praenomen: Apius, Caius (nomes de pía)
nomen: Claudius, Iulius (nome da súa linaxe, o que para nós sería o 1º apelido)
cognomen: Caecus (cego), Caesar (elefante) unha especie de alcume.
Ás veces existían un agnomen, nome a maiores do tria nomina como de distinción, por exemplo dunha vitoria. Publius Cornelius Scipio Africanus (por ser un dos xefes militares máis significados contra os cartaxineses).
O tria nomina só servía para quen era liber (libre) ou ingenuus (fillo de libre); os escravos e libertos e estranxeiros tiñan outros nomes que máis adiante detallaremos, pero podían responder ao lugar de procedencia dos mesmos ou de seren adoptados tomaban os nomes dos adoptantes engadíndolle o sufixo -anus.
Como sucede tamén noutras moitas culturas o nome do pai era herdado polo fillo e existen verdadeiros casos de confusión dos personaxes aos que se refiren os documentos porque a semellanza dos nomes é un problema para identificar á persoa. Por iso é frecuente a creación de sufixos de onde logo naceron os nosos apelidos (Fernández, fillo de Fernando, Robinson, fillo de Robin).
Para saber máis sobre o tria nomina.
OS NOMES DAS NENAS
Ás nenas, pola contra, só se lles poñía o nomen de tal modo que todas as nenas da familia Claudia se chamaban Claudia, pero cando había máis dunha habitualmente engadíaselle un cognomen coa orde do nacemento Claudia Secunda, Annia Tertia, Sulpicia Minor, Servililla... e co tempo estas mulleres son denominadas polo número (Tertia ou Quintia).
Unha listaxe de nomes latinos
QUAESTIONES:
1- Por que cres que se lle colocaban amuletos aos áis: puer et puella recén nacidos?
Cres que había unha mortalidade infantil elevada? Traduce a seguinte lápida cristiá antes de responder.
Na lápida aparecen uns
pavos que son símbolo da inmortalidade na iconografía cristiá. Ademais tes as
letras gregas alfa e omega maiúsculas, a primeira e a última letra do alfabeto
grego que nun contexto cristiá significan que Cristo é o principio e a fin de todas
as cousas: "Eu son a alfa e a omega, principio e fin de todas as
cousas".
Abreviaturas:
M= menses; D= Dies
Nomes propios:
Agricius, -i: Agricio
Evonyma, -ae: Evonyma
Syrica, -ae: Syrica (nome
que pode denotar a súa orixe siria)
Vocabulario:
caritas, caritatis: amor
hic: adverbio, aquí
pax, pacis : paz
pono, -is, -ere, posui,
positum: poñer, colocar
pro: prep. de ablativo,
por
requiesco, -is, -ere,
requievi, requietum: descansar
soror, sororis: irmá
titulus, .-i: inscrición
vivo, -is, -ere, vixi,
victum: vivir
Cuestións:
- Que significan os
símbolos que aparecen na lápida?
- Quen é o defunto?
Cantos anos tiña?
- Quen son os que dedican
a inscrición? Que relación teñen co defunto?
- Que expresións de orixe
cristiá aparecen na inscrición?
2- Como se chaman os obxectos que aparecen nas fotos adxuntas?
Para saber máis: puer et puell
Ningún comentario:
Publicar un comentario